Literatura epicórica

From Dictionary of World Literature
Revision as of 20:37, 19 December 2013 by Cesar dominguez (Talk | contribs)

(diff) ← Older revision | Latest revision (diff) | Newer revision → (diff)
Jump to: navigation, search

por César Domínguez

Literatura epicórica (inglés: epichoric literature): modo de produción literaria propio dunha literatura creada dentro dos límites dunha comunidade local.


Contents

Definición extensa

A literatura epicórica é un modo de produción literaria no que a literatura se produce dentro dos límites dunha comunidade local. Segundo a tipoloxía da circulación literaria debida a Alexander Beecroft, representa o grao cero de circulación, posto que "epichoric literature as such does not circulate beyond the community in which it is produced" (Beecroft 2008: 92). Beecroft subliña a vinculación da literatura epicórica con unidades políticas pequenas (cómpre preguntarse se unha "cidade-estado" se axustaría a tal descrición) que poden compartir ou non a súa lingua con comunidades veciñas. Asemade sinala que a literatura epicórica pode ter unha función política ben ao establecer e delimitar a comunidade, ben ao se conformar como unha forma de resistencia a unha esfera política e/ou cultural máis ampla.

Historia do concepto

Beecroft afirma que toma o concepto de literatura epicórica de Gregory Nagy (1990: 66-67), quen o opón a panhelénico para se referir a aquel texto que se produce nun contexto local e cuxo significado depende dese contexto. Este grao cero xunto aos restantes cinco modos diferenciados por Beecroft constitúen un intento de sistematizar o concepto de circulación literaria, que David Damrosch identificara coma unha das características da literatura mundial: "I take world literature to encompass all literary works that circulate beyond their culture of origin, either in translation or in their original language" (Damrosch 2003: 4).

Desenvolvementos

Se nos atenemos á definición de literatura mundial proporcionada por Damrosch, habería que concluír que a literatura epicórica non forma parte da literatura mundial, xa que as súas obras non circulan máis aló do que denomina "cultura de orixe". Na proposta de Beecroft, sen embargo, a literatura epicórica é un dos modos de circulación literaria (non-circulación, en realidade) no marco do seu modelo de literatura mundial, co que se pretende comprender e apreciar "the multiplicity of strategies used by literatures to relate to their political and economic environments" (Beecroft 2008: 91). Cómpre se preguntar se existen nexos entre o concepto de literatura epicórica e o concepto de literatura oral dunha sociedade con organización tribal no marco da teoría do proceso interliterario de Dionýz Ďurišin. Nótese, por outra banda, que Beecroft non menciona o factor da tradución; se se segue a súa definición até os seus extremos, débese concluír que unha obra dunha literatura epicórica nin circulou máis aló do seu contexto de produción, nin coñeceu ningunha tradución ou, ao menos segundo unha tipoloxía tradutolóxica, ningunha tradución interlingüística nin intersemiótica. Un aspecto interesante, sexa na proposta de Beecroft ou na de Damrosch, é que a circulación se contempla coma un proceso unidireccional, dende o contexto de produción cara ao resto do mundo. Pero, que sucede cunha obra dunha literatura epicórica que acolle no seu seo as máis variadas influencias externas? Non é este un factor de mundialidade que debe ser tomado en consideración? Véase a este respecto la discusión de César Domínguez (2012) sobre Lindisfarne Gospels.

Hoxe en día un caso prototípico de literatura epicórica podería proporcionarlo a arte verbal dos pobos aillados, cuxo estudo representa un desafío para a Literatura comparada (como o é en boa medida toda a literatura oral) e presenta serios interrogantes éticos partillados pola Antropoloxía.

Exemplificación

A parte dos contextos da Grecia arcaica, que se propoñen como paradigmáticos da literatura epicórica, Beecroft (2008: 93) presenta coma exemplos de este modo literario os "aires" do Clásico de poesía (詩經, Shī Jīng), xa que representarían epicoricamente a división en estados da China da dinastía Zhou (1050-250 a.e.c.), a poesía árabe preislámica, a épica oral eslavo-meridional e as prácticas culturais das Primeiras Nacións de América del Norte.

Voces relacionadas

circulación literaria; literatura cosmopolita; literatura nacional; literatura global; literatura mundial; literatura-mundo; literatura oral tribal; literatura pancórica; literatura vernácula; proceso interliterario.

Bibliografía

  • Beecroft, Alexander. 2008. "World Literature without a Hyphen. Towards a Typology of Literary Systems". New Left Review 54: 87-100.
  • Damrosch, David. 2003. What Is World Literature? Princeton: Princeton University Press.
  • Domínguez, César. 2012. "Circulation in Premodern World Literature: Historical Context, Agency and Physicality". Primerjalna književnost 35.1: 37-48. Tradución eslovena: "Obtok v predmoderni svetovni literaturi: zgodovinski kontekst, posredništvo in fizičnost". Trad. Katja Zakrajšek. Svetovne književnosti in obrobja. Ed. Marko Juvan. Ljubljana: Založba ZRC, 2012. 27-37.
  • Ďurišin, Dionýz. 1989. Theory of Interliterary Process. Trads. Jessie Kocmanová e Zdenĕk Pištek. Bratislava: Veda.
  • Nagy, Gregory. 1990. Pindar's Homer: The Lyric Possession of an Epic Past. Baltimore: The Johns Hopkins University Press.