Talento individual

From Dictionary of World Literature
Jump to: navigation, search

por Laura Darriba, Sabela Fraga, Paloma Hernández, Sara Lozano

Talento individual (inglés: individual talent): individualidade artística. Trátase da reinterpretación, reescritura e reformulación do que Eliot considera a tradición.

Contents

Definición extensa

O talento individual segundo Eliot son aqueles aspectos da obra dun escritor na que outros escritores fan a súa aparición dun xeito máis vivo. De maneira que a individualidade non consiste en afastarse dos seus predecesores, senón facelos presentes e saber valorar tanto as obras consideradas canónicas como as que estan máis lonxe da corrente principal.

Historia do concepto

Eliot, por cuestións cronolóxicas verase influenciado por autores anteriores e contemporáneos. Empregando o contexto do desenvolvemento da literatura universal, e en concreto da literatura nacional (unidade máis pequena da literatura europea segundo Cursius) o autor vese na necesidade de criticar o concepto de tradición literaria da súa nación, Inglaterra. A explicación do significado real da tradición para Eliot, levarao a falar tamén do talento individual, que consistirá na reinterpretación de esa tradición, e non na diferenciación con outros autores. Non é o primeiro en empregar o termo, presente dende fai moito tempo, pero si será o primeiro en darlle ese significado.

Desenvolvementos

No texto no que Eliot desenvolve este termo (Literatura Norteamericana, A tradición e o talento individual), o autor dá a súa nova versión do que significa o talento individual, tamén entendida como individualidade artística. Eliot expón a tendencia á pesquisa de esa individualidade nos aspectos das obras no que o autor diferénciase, ou menos se asemella, a outros autores. Pero a esencia propia do home non se ubica nas diferencias, senón nas semellanzas co que el denomina a tradición literaria. O individualismo é polo tanto, a reformulación da tradición dentro do parámetro da literatura europea. Pera Eliot tamén proporciona unha nova versión do que se entende usualmente por tradición literaria. Esta non está composta unicamente por libros canónicos considerados "clásicos", senón por todos aqueles autores que incorporan a súa obra á esencia da súa xeración e á de toda a literatura europea desde Homero. Creando así unha existencia simultánea de obras, nas que todas se ven interrelacionadas e influenciadas entre si independentemente do seu período ou orde de realización. En palabras de Eliot a tradición literaria é "ser consciente do pasado do pasado e tamén do seu presente".

O escritor elotiano ou poeta convértese nunha figura impersoal ao renunciar a suas proprias crenzas e motivacións persoais para ser un punto onde converxen varias personalidades do pasado, para volvelas inmortais no momento no que a persoa coa súa nova achega os fai presentes. Do mesmo xeito, tampouco buscará dentro da súa obra ofrecer unha emoción exclusiva porque será unha novidade que construirá barreiras para o entendemento porque impedirá unha comunicación fluída co espectador, xa que as persoas teñen un abano de emocións comúns limitado.

Exemplificación

Como representación real e pragmática do talento individual, Coetze no seu texto, ¿Qué es un clásico?, alude ao músico alemán J. S Bach como exemplificación do termo clásico, baseándose en que o artista superou o límite do tempo, en tanto que a súa obra é interpretada e reinterpretada ao longo dos séculos seguintes (É preciso aclarar que tralo seu falecimento Bach pasou un tempo “escuro”, xa que a sua obra non foi comprendida. Houbo que agardar ata a reinterpretación de Mendelssohn en 1829). Outro dos motivos é que a sua música pertence ao canon da música europea actual, daquela é, pode afirmarse que a figura de Bach forma parte da tradición.

Do xeito en que Bach forma parte da tradición e en función dos conceptos que T. S. Eliot pon de manifesto na súa definición de talento individual, o músico posúe dita cualidade, é dicir, pertence á tradición, por tanto é unha figura que segue vivindo a través das suas obras. En palabras do propio Eliot: "la originalidad brilla mucho más a medida que se enmarca en la tradición aportando nuevos aspectos, matices y perspectivas. Es como se vuelve original y se incorpora a un sistema en el que todos son simultaneidades". (Eliot 1920)

Borges en Otras inquisiciones tamén fai referencia o talento individual, máis concretamente no capítulo "Kafka y sus precursores". Neste episodio Borges recolle exemplos dispares dos antecesores de Kafka como Zenón ou Browing entre outros, todo iso para chegar á conclusión de que a existencia de Kafka modifica en consecuencia a obra dos seus precedentes, xa que a lectura das suas obras non será a mesma tras ler a Kafka (Borges 1976). En definitiva, cada escritor canónico crea os seus propios precursores, e é que o súa labor modifica a nosa percepción do pasado, é dicir, da tradición e é neste punto cando establecemos a vinculación con Eliot e súa definición do talento individual e a lectura simultánea.

Voces relacionadas

tradición literaria; canon; literatura europea; orden simultáneo; lectura simultánea; clásico; literatura mundial.

Bibliografía

  • Borges, J.L. Otras inquisiciones. “Kafka y sus precursores”. Editorial Alianza, Madrid, 1976.
  • Coetze, J.M. Costas Extrañas: ensayos 1986-1999. “¿Qué es un clásico?, una conferencia”. Editorial Debate, Barcelona, 2004.
  • Curtius, Ernst R. "Literatura europea". Literatura europea y Edad Media latina. Trads. Margit Frenk Alatorre y Antonio Alatorre. 2 vols. México: Fondo de Cultura Económica, 1984. 1: 17-35. Original alemán de 1948. páxs 21-33
  • Eliot, T.S., Literatura Norteamericana. La tradición y el talento individual, Universidad Nacional Autónoma de México, 2000
  • Strich, F., Goethe and World Literature, trad. C. A. M. Sym. Port Washington: Kennikat Press. 1972. orixinal alemán de 1949.
  • Aauerbach, E., “Filología de la literatura universal”, Mímesis, la representación de la realidad en el Occidente, 1951, páx 816-817