Proverbio

From Dictionary of World Literature
Jump to: navigation, search

por Álex Rego Teijeiro, Adrián Rial Santos, Irene Sáenz Carballeira, José Manuel Suárez García

Proverbio (do latín proverbium): enunciado curto e sentencioso, baseado na experiencia colectiva, que transmite un coñecemento práctico ou unha directriz moral.

Contents

Definición extensa

O concepto proverbio englóbase con outros sinónimos ou case-sinónimos baixo o de paremia. Todos eles fan referencia a unidades fraseolóxicas cun contido doutrinal ou moral, preferiblemente ligados ao ámbito popular, pero tamén presentes en ámbitos máis eruditos. Nesta amalgama de termos atoparemos uns de orixe grega (aforismo, apotegma, axioma, paremia), outros latinos (adaxio, máxima, proverbio, sentenza), e o máis común nas linguas galega e española: refrán, de orixe francesa.

Non resultará doado establecer unha sistematización clara de todos estes conceptos, pois non existen grandes diferenzas entre eles. Unha distinción frecuente entre refrán e proverbio é o seu ámbito de uso, o primeiro vulgar e o segundo culto, pero esta non é nin moito menos definitiva. Por marcar unhas liñas xerais, podemos dicir que o termo aforismo aparece ligado a ámbitos científicos, apotegma designa aquelas paremias postas en boca de persoas ilustres, un axioma é unha verdade considerada absoluta, e os termos latinos adaxio, máxima, proverbio e sentenza teñen cono característica común un sentido moralizador. O matiz moral do proverbio pode ser o que o distinga do refrán, de carácter humorístico. De tódolos xeitos ningún destes termos é excluínte entre si, existen tantas clasificacións como autores que tratan o tema, de tal xeito que non é incorrecto o seu uso como sinónimos.

Historia do concepto

Mario Untersteirner (citado en Pino Campos, 1993) di que a frase breve que recolle un pensamento ou una verdade admitida universalmente é a forma de expresión máis corrente entre os pensadores primitivos. Se partimos desta premisa decatarémonos de que todos estes termos aos que vimos facendo referencia son aplicados posteriormente a un concepto, a unidade fraseolóxica sentenciosa, que xa tiña un longo percorrido dentro da oralidade.

O termo proverbio é de orixe latina, inicialmente tería unha carga moral importante. A confusión entre este termo e refrán sitúase na Idade Media, época na que este último chegaría ás linguas ibéricas procedente do francés, e se utilizaría para designar os versos repetidos de forma regular nas cantigas. Algúns estudosos sinalan que a asimilación destes dous conceptos sería debida á semellanza que existe entre as estruturas lingüísticas dese estribillo e a propia construción do proverbio, que se caracteriza a miúdo por elementos poéticos como o ritmo, a rima e a asonancia.

Ao longo da historia é posible apreciar unha certa distinción de ambos termos segundo o seu ámbito de uso: o proverbio culto e o refrán popular. De todos modos nunca se chegou a establecer unha clara distinción entre ambos termos, o que podemos apreciar nas definicións que o Diccionario da RAE foi proporcionando destes conceptos ao longo das súas edicións (de la Peña Izquierdo, 1999).

Na actualidade, e posiblemente pola influencia da cultura popular, podemos apreciar entre os galegofalantes e castelanfalantes unha tendencia a utilizar o termo refrán cando se trata da cultura propia, mentres que o termo proverbio se tende a asociar co estranxeiro. Trátase dunha cuestión secundaria pero que podemos apreciar na fala habitual: o refraneiro español fronte aos proverbios chinos, árabes, hebreos, etc.

Desenvolvementos

Debemos ter en conta o factor da universalidade. Proverbios e refráns están presentes en todos os grupos humanos do planeta, incluídos os máis “primitivos”. Louis Combet sinala dúas excepcións, os pigmeos e os wakanongo de Tanzania, mais son casos extraordinarios. O mesmo autor estuda estes conceptos desde un punto de vista sociolóxico, e queda claro que a discusión admite distintos puntos de vista. Un dos aspectos que se destacan é a caracterización dos proverbios e refráns coma un modo de reacción da cultura popular fronte á imposición dunha cultura das elites. Do mesmo xeito alúdese á permeabilidade que a literatura culta presenta cos proverbios e refráns, presentes en moitas obras (no caso da novela española, podemos citar o Guzmán de Alfarache e o Quijote, obra na que Sancho se converte no “tonto listo” a raíz do seu coñecemento do refraneiro). O proceso contrario, o paso da literatura culta ao refraneiro, é moito menos abundante, practicamente nulo, o que parece indicarnos o desexo dun grupo social que se resiste á implantación duns esquemas culturais de clases superiores. A presencia ou ausencia de proverbios ou refráns na literatura pode chegar a estudarse como un indicador ideolóxico. A paremioloxía encárgase do estudo de todas estas unidades fraseolóxicas sapienciais a distintos niveis. O punto de partida é a imposibilidade de estudar de forma illada cada proverbio, senón que o conxunto de todos eles conforma a denominada “sabedoría popular”. Outro nivel de estudo desta disciplina é a paremioloxía comparada, que trata de buscar as semellanzas entre distintas compilacións proverbiais nacionais.

Exemplificación

No século VI a.C. desenvólvese en Grecia a poesía gnómica, coa que se poñen en verso gnomas, concepto que podemos asimilar co de proverbio. O Libro dos Proverbios, que forma parte do Tanaj e do Antigo Testamento bíblico, constitúe unha compilación de máximas de carácter moral e relixioso, cuxa autoría se atribúe popularmente ao rey Salomón.

Na lírica medieval, os refráns das cantigas poden ser interpretados como unidades fraseolóxicas sapienciais. Se tomamos o exemplo das Cantigas de Santa María, o carácter relixioso-moral destas sentencias é evidente. No século XIV atopamos os Proverbios morais de Sem Tob; no XVI os Adagia de Erasmo de Róterdam. Como xa se viu os proverbios ou refráns están presentes en obras representativas da literatura española, como o Quijote ou a literatura picaresca.

Voces relacionadas

paremia; oralidade; refrán; literatura gnómica; aforismo; apotegma; axioma; adaxio; máxima; sentenza.

Bibliografía

  • Combet, Louis. 1996. "Los refranes en la literatura". Liburukia 41: 821-839.
  • Peña Izquierdo, César de la. 1999. “Datos para un estudio de la evolución de la clasificación proverbio en el DRAE”. Paremia 8: 381-386.
  • Pino Campos, Luis Miguel. 1993. "Graecorum Philosophorum Aurea Dicta: Selección de apotegmas". Fortunatae: Revista canaria de filología , cultura y humanidades clásicas 5: 125-140.