Orientalismo

From Dictionary of World Literature
Jump to: navigation, search

por Pilar Varela Taibo, Menalia Yáñez Basanta, Cristina Otero Alonso

Orientalismo (inglés: orientalism): termo xenérico que designa a disciplina a través da cal Oriente foi (e é) abordado sistemáticamente como tema de estudo, de descubrimento e de práctica.


Contents

Definición extensa

En xeral, a acepción de orientalismo máis admitida é a académica, que se refire a toda aquela persoa que ensine, escriba ou investigue sobre Oriente tanto nos seus aspectos específicos coma xerais. Este termo é o que hoxe en día menos prefiren os especialistas porque resulta recordatorio da época do colonialismo.

Tamén se pode falar dunha tradición académica do termo cun significado máis xeral. Deste xeito defínese como un estilo de pensamento que se basea na distinción ontolóxica e epistemolóxica que se establece entre Oriente e Occidente. Moitos escritores aceptan esta diferenza como punto de partida para os seus traballos. Podemos encontralo en Esquilo, Víctor Hugo, Dante e Karl Marx.

Outra das definicións máis histórica e materialista de orientalismo sería a seguinte: unha institución colectiva que se relaciona con Oriente, a cal consiste en facer declaracións sobre el, adoptar as súas posturas, describilo, ensinalo, colonizalo e decidir sobre el; en resumo, o orientalismo é un estilo occidental que pretende dominar, reestruturar e ter autoridade sobre Oriente. Podemos dicir que a cultura europea foi capaz de manipular e ata mesmo de dirixir Oriente dende un punto de vista político, sociolóxico, militar, ideolóxico, científico e imaxinario.

Historia do concepto

Despois de expoñer o anterior podemos dicir que cando se fala de orientalismo, se fala dunha empresa cultural británica e francesa (debido ao colonialismo). Estas dúas potencias dominaron dende comezos do S.XIX Oriente e o orientalismo, logo tamén contribúen os Estados Unidos. Da relación destes tres países con Oriente proveñen gran parte do volume de textos denominados orientalistas.

Até o século XIX, coa excepción do islam, Oriente foi para Europa un dominio cunha historia continua de dominación occidental que ninguén contestara. Isto resulta evidente se consideramos a experiencia británica na India, a experiencia portuguesa nas indias orientais, China e Xapón e as experiencias francesa e italiana en diferentes rexións de Oriente. Houbo casos ocasionais nos que a intransixencia indíxena quixo perturbar o idilio, como por exemplo cando en 1638-1639 un grupo de cristiáns xaponeses expulsou a os portugueses da rexión; non obstante, por regra xeral, só o Oriente árabe e islámico presentou ante Europa un desafío permanente dende un punto de vista político e intelectual e, durante algún tempo, económico. Así pois ao longo de case toda a súa historia, o orientalismo estivo marcado polo selo da turbia actitude de Europa con respecto ao islam.

Desenvolvementos

Podemos dicir que as dúas entidades xeográficas (Oriente e Occidente), se apoian e ata poden chegar a reflectirse unha na outra. Pódense facer puntualizacións:

  • Disraeli (escritor e político británico) di na súa novela Tancred que Oriente era unha carreira. Con isto quere dicir que Oriente para os Occidentais pode chegar a ser moi interesante, aínda que non só o é para os occidentais senón que tamén para os propios orientais.
  • A cultura non se pode entender nin estudar sen saber ao mesmo tempo as configuracións de poder. Como sinala o libro de K.M.Panikkar, Asia and Western Dominance, Oriente foi orientalizado.
  • O orientalismo esta cheo de mitos e mentiras, o que hai que entender é a solidez do discurso orientalista e a súa durabilidade.
  • Por outro lado, se analizamos a Bibliothèque orientale de d'Herbelot, ofrece unha idea do poder e a efectividade do orientalismo que lle recorda ao lector que, a partir deste momento, para chegar a Oriente, deberá atravesar as redes e os códigos que o orientalismo posúe. Oriente non só é adaptado ás esixencias morais do cristianismo occidental, senón que tamén é limitado por unha serie de actitudes e xuízos que a mente occidental remite a outros traballos orientalistas e non ás fontes orientais para a súa verificación e corrección. O escenario orientalista convértese nun sistema de rigor moral e epistemolóxico. Como disciplina que representa o coñecemento institucionalizado que Occidente ten de Oriente, o orientalismo, así, chega a exercer unha forza que se estende en tres direccións: cara a Oriente, cara ao orientalismo e cara ao "consumidor" occidental de orientalismo.

Así pois, a partir da posición dunha conciencia occidental soberana na que se baseaban as realidades Orientais, xurdiu un mundo Oriental que estivo primeiro de acordo ás ideas xerais sobre quen ou que era un oriental para posteriormente estalo coa lóxica detallada e gobernada non só por unha realidade empírica senón por unha serie de desexos ou represións.

Durante o século XIX, o prestixio do orientalismo creceu enormemente, aumentou a súa reputación e a influencia de institucións como a Societé asiatique, a Royal Asiatic Society, a Deutsche Morgenländische Gesellschaft e a American Oriental Society. Co auxe destas sociedades, aumenta o número de cátedras de Estudos Orientais en toda Europa e, en consecuencia, dáse tamén unha expansión dos medios de difusión.

Exemplificación

Así podemos encontrar grandes traballos orientalistas como son Chrestomathie Arabe, de Silvestre de Sacy, ou An Account of the Manners and Customs of the Modern Egyptians, de Edward William Lane.

O primeiro encontro literario entre Oriente e Occidente prodúcese en Exipto foron descubrimentos máis ou menos fortuítos, pois ata parece que os mesmos exipcios non mostraron interese polo que era a súa literatura. Destacan exemplos como himnos relixiosos ou o Libro dos Mortos.

Os gregos tiñan pouco interese na literatura exipcia e mesopotámica. En Mesopotamia temos por exemplo o código de Hammurabi. Pero digamos que o que si desempeña un papel importante na literatura universal é a epopeia sumerio-babilónica. Foi nestas poesías onde os exipcios estudaron as linguas dos seus pobos veciños. A máis importante é a epopeia do Gilgamesh.

Os pobos anteriormente mencionados foron influenciados polo pobo xudeu. Relacionamos con este pobo o Pentateuco incluído no Xénese.

É preciso falar tamén da literatura hindú; é difícil calcular a súa antigüidade. Dentro desta cabe nomear os primeiros documentos literarios da India, os cales son textos relixiosos, transmitidos oralmente, logo trasladados baixo o título de Veda (ciencia sagrada). Posteriormente a literatura India deberá facer fronte ao Islam, que se introduce pouco a pouco no país.

Tamén cabe destacar a influencia europea, que grazas aos misioneiros cristiáns na India, que ensinaron a ler e a escribir ás xentes da clase máis humilde, tamén crearon no terreo das vellas linguas literarias, a verdadeira prosa popular moderna. Podemos destacar como figura ao xesuíta italiano Constantius Beschi, incluído na categoría da literatura dravídica.

Voces relacionadas

literatura mundial; literatura dravídica; literatura global; circulación literaria; literatura nacional.

Bibliografía

  • Said, Edward, Orientalismo, 2ªed, Barcelona, De Bolsillo, 2002.
  • Von Tunk, Eduard, Historia Universal de la Literatura, Tom. I, 1ªed, Madrid, Revista de Occidente, 1962.
  • Von Tunk, Eduard, Historia Universal de la Literatura, Tom. II, 1ªed, Madrid, Revista de Occidente, 1962