Moaxaja

From Dictionary of World Literature
Jump to: navigation, search

por María Castro, Melissa García, Silvia Hermida

Moaxaja (do árabe موشّح muwaššaḥ, que significa “adornado cun cinto de dobre volta”) é unha composición poética medieval, escrita en árabe ou hebreo, que remata cunha jarcha en mozárabe.

Contents

Definición extensa

Unha moaxaja é un tipo de poema culto que tivo o seu momento de esplendor en Al-Andalus entre os séculos IX e XII. Créese que foi froito da convivencia de culturas na Hispania musulmá das taifas, na que conviviron a cultura musulmá, a hebrea e a cristiá. Os propios árabes referíanse a elas como “cancioniñas aos estilo dos cristiáns”. Está escrita en versos curtos, debido ás influencias da lírica popular, pero con temas e estruturas moi complexas.

A importancia que cobra a moaxaja para a literatura non se debe á súa métrica, nin aos seus versos ou á súa rima, débese a que en moitas delas se engadía ao final unha estrofa coñecida como jarcha. O corpo da moaxaja concíbese como unha presentación destes versos en lingua romance ou en árabe vulgar, que lle serven de terminación; incluso se cree que a moaxaja é composta a medida dunha jarcha xa existente.

Ademais do cambio de lingua, as estrofas da moaxaja diferéncianse da jarcha no seu estilo e ton: son cultas e refinadas mentres que a jarcha é de carácter popular. Tamén na temática se mantén a diferenza, pois mestres que as moaxajas eran composicións destinadas a un protector, unha personaxe con certo poder, as jarchas eran constituídas por lamentos amorosos en voz dunha muller causados pola ausencia do amado e en presencia dunha confidente que soe ser a nai ou as irmás.

Existe unha composición semellante coñecida como o zéjel, cuxa estrutura é a mesma que a da moaxaja, só que mentres na moaxaja o ritmo é marcado pola jarcha, o zéjel carece dela e é o retrouso ou o markaz quen establece o ritmo do poema.

Historia do concepto

As primeiras referencias escritas que se teñen sobre as moaxajas son do século IX, pero algúns estudosos falan de que a súa orixe pode ser anterior.

Emilio García Gómez en Métrica de la moaxaja y métrica española expón que a finais do século IX un poeta árabe clasificou algunhas cancións que circulaban pola España musulmá nun poema árabe ao que chamou moaxaja e deulle unha estrutura estrófica, feito que rompeu os marcos da lírica árabe. A súa aparición radicou en tres aspectos: nas rimas cambiantes en cada estrofa, no emprego de versos curtos por influencia da literatura popular e na mestura de dúas linguas.

Existen outros datos sobre a orixe da moaxaja que defenden que proceden do século IX e comezos do X creadas polo cordobés Muqaddan Ibn Muafa “Al Cabri”.

Exemplificación

Algunhas das exemplificacións de moaxaja son, por exemplo, o cancioneiro de Ibn Quzmān, poeta cordobés do século XII, ou a moaxaja de Ibn Bāqī de Córdoba (m. 1145):

El amor juguetea con mi corazón que se queja y llora por la pasión.

¡Oh gentes! Mi corazón está prendado, y es quien ansía amar, desconcertado; le engaño y es mi llanto, el derramado.

¿Quién te ha enseñado, ¡oh, garzón!, a lanzar miradas que matan a un león?

En noche oscura, luna llena, en rama granada, fruta plena, esbelta cintura y mejilla morena.

Segundo consta na última edición da Dajīra de Ibn Bassām, o primeiro que fixo as formas métricas das moaxajas e inventou as súas regras foi Muhammed Ibn Mahmud, o cego de Cabra, aínda que máis adiante di que o poema inventado polo Cego de Cabra non era aínda estrófico senón que era simplemente un qufl.

Dise que foi Ibn ‘Abd Rabbih, o autor de El Collar, quen fixo este tipo de moaxajas; logo veu Yūsuf ībn Hārūn ar-Ramādī, que foi o primeiro que fixo intercalacións nos markaz e intercalou cada pausa onde debía. Seguiron nisto os poetas do noso tempo, como Mukrim Ibn Sa‘id, os dous fillos de Abū-l-Hasan e Ubāda Ibn Mā‘al-Samā‘.

Bibliografía

  • Andrés Sanz, María Adelaida e Carmen Codoñer. La Hispania visigótica y mozárabe: dos épocas en su literatura. Salcamanca: Ediciones Universidad de Salamanca, 2010.
  • Cerro Calderón, Gonzalo e José Palacios Royán. Lírica mozárabe. Málaga: Servicio de Publicaciones e Intercambio Científico de la Universidad de Málaga, 1998.
  • García Gómez, Emilio. Métrica de la moaxaja y métrica española: ensayo de la moaxaja y métrica española. Madrid: Al-Andalus, 1975.