Cantiga

From Dictionary of World Literature
Jump to: navigation, search

por Zaira Caamaño, Borja Carlao, Olalla Echegaray, Fátima García

Cantiga (do lat. cantica, plural neutro de canticum ‘canto, canción’; subst. f.): antiga composición poética da Península Ibérica destinada a ser cantada (en especial na lírica galegoportuguesa).

Contents

Definición extensa

A cantiga é unha composición poética típica da poesía medieval galegoportuguesa, dende finais do século XII ata a segunda metade do século XIV. A lírica medieval galegoportuguesa é un conxunto de 1680 cantigas de carácter profano e 426 de temática relixiosa, estas cantigas foron escritas no romance vulgar, desenvolvido a partir do latín e coñecido baixo o nome de galegoportugués.

Esta poética non está composta con unha finalidade de goce literario, senón que está encamiñada a cantar e bailar nun ambiente colectivo. Palabra e música interrelaciónanse e fanse dependentes dentro dun contexto lúdico e de entretemento social. A conxunción entre texto poético e auditivo explica certas anormalidades métricas, así como a ruptura do principio xeral do isolabismo, sendo os versos máis frecuentes os octosílabos e decasílabos, aínda que, ao igual que a rima, estes veñen marcados polos diferentes xéneros.

O modelo poético medieval está marcado por un carácter cortesán, dirixido a un público restrinxido e sustentado baixo unha política de mecenato por parte dos reis e da alta aristocracia da época.

Historia do concepto

No ano 711, as tropas árabes invadiron a península desde África, chegaron a Poitiers e saquearon Santiago de Compostela baixo o mandato de Almanzor en 997. Nesta época tivo lugar a suposta descuberta da tumba de Santiago Apóstolo, despois de ser trasladado nunha barca de pedra ata Iria Flavia por dous dos seus discípulos e soterrado con axuda da raíña Lupa.

Baixo o padroado de Afonso II de Asturias, unha sucesión de igrexas e mosteiros pronto agromaron nos arredores da tumba, o primeiro deles foi a Catedral de Santiago co seu famoso Pórtico da Gloria no século XII. Naquela época comezaron a chegar peregrinos de diferentes partes do mundo, traendo as cantigas provenzais de amor cortés que influenciaron á literatura da época. Estas cantigas desenvolvíanse en galegoportugués, que era lingua da poesía por case toda a península. As cantigas galegoportuguesas son un modelo poético orixinal, que combina a influenza provenzal con elementos da tradición popular xa existente.

Isto significou que tanto o rei portugués Don Dinis como o castelán Afonso X escribiron a súa poesía en galegoportugués. Esta poesía lírica preservouse en tres cancioneiros e constaba de poemas de amor, poemas satíricos e poemas de devoción á Virxe María. Os poemas de amor non só foron compostos por trobadores en honor á súa dama (as cantigas de amor), senón que que foron tamén escritos por homes desde o punto de vista das mulleres (as cantigas de amigo). Os poemas satíricos divídense entre cantigas de escarnio e cantigas de maldicir, pero son as cantigas de amigo as que se consideran o maior logro deste período, xunto coas cantigas de Santa María, atribuídas a Afonso X.

O prestixio da lírica occitana no occidente cristián explica que moitos dos seus elementos temáticos, formais ou retóricos cheguen tamén á lírica galegoportuguesa a través de: 1) o camiño de Santiago como centro multicultural que permite contacto entre trobadores pertencentes aos dous modelos líricos; 2) o comercio e a repoboación das terras conquistadas aos árabes; 3) a corte de Alfonso III e de Alfonso X onde se constatan encontros de poetas provenzais es galegoportugueses; 4) o asentamento das Ordes de Cluny; 5) a mobilidade dos trobadores e xograis dun lado a outro dos Pirineos e os encontros en diferentes cortes.

Desenvolvementos

Dúas son as alternativas ás que recorreu a historia mundial no seu intento de superar o paradigma nacional: o modelo de civilizacións e o modelo xeográfico, para o que utilizamos as antoloxías da literatura mundial. O primeiro modelo fundaméntase nunha homoxeneidade política, social e cultural a partir da supremacía das ideas, mentres que o segundo modelo identifica as fronteiras xeográficas desta homoxeneidade cultural.

A exploración da Idade Media nun contexto mundial é importante para a análise dos contactos interculturais onde Europa non actúe como núcleo mundial. As literaturas medievais, como o caso das Cantigas, ofrecen un campo de probas idóneo para explorar as limitacións do paradigma nacional e eurocéntrico.

Para a nosa análise nun horizonte mundial, consideramos as antoloxías Norton (Lawall 2003) e Longman (Damrosch/Pike 2009), utilizando como referencia as cantigas galegoportuguesas de Martin Codax, Don Dinis e Alfonso X.

O panorama literario máis rico da península Ibérica, en termos numéricos, lingüísticos e culturais, proporciónao a antoloxía Longman. Os textos seleccionados para as diferentes antoloxías non son os mesmo, o que se debe aos diferentes criterios que seguen os autores destas antoloxías para decidir ou non a súa inclusión na mesma. Cómpre mencionar que ningunha das dúas antoloxías i nclúen unha introdución teórica ao concepto de literatura mundial, polo que intentamos deducir os criterios que seguen os autores mais non podemos afirmar que sexan estes.

As Cantigas de Martin Codax e Don Dinis inclúense na antoloxía Longman. Entendemos que os criterios desta antoloxía están baseados na teoría que propón Damrosch na súa obra What Is World Literature? onde este autor se centra nos criterios de circulación e refracción elíptica para definir a literatura mundial. Por circulación literaria enténdese unha tradición cultural onde diferentes obras deben chegar máis alá da súa cultura de orixe, tendo unha vida efectiva e activa dentro do sistema da cultura receptora. Tendo en conta a refracción, hai que dicir que as obras se converten en literatura mundial cando chegan a unha cultura estranxeira, xa que a tradición nacional desta cultura e as necesidades dos seus escritores a poden definir de forma diferente.

En canto á antoloxía Norton, non se atopan os criterios de selección das obras que se inclúen na mesma nin teorías ao redor das que Lawall desenvolva o concepto de literatura mundial, pese a todo, coñecemos que as Cantigas de Alfonso X aparecen recollidas na antoloxía Norton mais non as Cantigas de Martin Codax nin de Don Dinis.

Exemplificación

A lírica medieval galegoportuguesa posuía características propias, unha grande produtividade e un número considerábel de autores como por exemplo Don Dinis, Afonso X, Martín Códax, Juiao Bolseiro, Pero Meogo, etc.

Estes versos da cantiga do rei Don Dinis móstranos o mutuo coñecemento poético da lírica occitana e galegoportuguesa:

Proençães soen mui ben trobar

e dizen eles que é con amor;

mais os que troban no tempo da flor

e non en outro sei eu ben que non

han tan gran coita no seu coraçón

qual m'eu por mia senhor vejo levar.

Voces relacionadas

literatura mundial; literatura nacional; literatura comparada; literaturas hispanomedievais; estudos medievais; canon literario; circulación literaria.

Bibliografía

  • Anxo Gómez Sánchez e Mercedes Queixas Zas. Historia Xeral da Literatura galega. Vigo: Edicións A Nosa Terra, 2001.
  • César Domínguez. Literatures ibèriques medievals comparades. Alacant: Universitat d’Alacant e Sociedad Española de Literatura General y Comparada, 2012.
  • David Damsroch e David L. Pike. The longman Anthology of World Literature. United States: Pearson Education, Inc, 2008.
  • Jonathan Dunne. Anthology of galician literature. Galicia: Xunta de Galicia, Xerais e Editorial Galaxia, 2010.
  • Peter Simon. The Norton Anthology of World Literature. United States of America: W. W. Norton & Company, Inc, 2012.