Canon literario

From Dictionary of World Literature
Jump to: navigation, search

por Patricia Calviño Rivadulla, Laura Calvo Gens, Ana Paulina Chas Seijas, Lucía Hidalgo Portomeñe

Canon literario (do grego kanon, regra ou medida, por extensión correcto ou autorizado) conxunto de obras literarias consideradas valiosas e polo tanto aptas para o seu devandito estudo.

Contents

Definición extensa

O canon literario supón, a grandes trazos, unha selección de obras que por algunha das súas características destacan no panorama literario. Por este motivo adoitan incluírse dentro dunha listaxe sobresaínte nun desexo de organización do material que cómpre ser estudado ou lido. A necesidade de establecemento dun canon débese ao gran volume de obras literarias, como apunta Auerbach, o material é infinito e está en continuo crecemento, sendo, polo tanto inabarcable dende o punto de vista temporal; o canon, é, pois, o punto de partida do estudo filolóxico-literario. A propia selección poderíase entender como unha tendencia á especialización, pois sempre haberá obras que pola súa natureza dominen sobre as demais, coma se dun tipo de selección natural se tratase.

Historia do concepto

Emprégase dende o século XVIII co sentido de selección de autores literarios de primeira categoría dentro, polo xeral, dos que escriben no mesmo idioma. Este criterio de selección dos mellores, dos clásicos, vén de tempos moi remotos, parece ser na Biblioteca de Alexandría onde se impuxo por primeira vez a necesidade de elixir aos máis destacados escritores antigos, co fin de proceder á divulgación e estudo filolóxico dos seus textos. Os filólogos alexandrinos empregaron o termo para designar a lista de obras escollidas pola súa excelencia no emprego da lingua e polo tanto consideradas modélicas, é dicir, dignas de imitación.

Desenvolvementos

Unha figura canonizada entra a formar parte activa do repertorio sistémico, funcionando como un principio produtivo e proporcionando pautas para a construción de novas obras. Así, unha obra partícipe deste canon pode ser empregada por outros autores como punto de partida para a súa produción artística. Neste sentido, o termo canon extrapólase ás demais artes, como acontece co establecemento do Canon de Policleto, que determinaría o posterior entendemento das proporcións escultóricas.

Os procesos de canonización poden non referirse só a textos, senón que afectan especialmente ás distintas actividades e procesos sociais que teñen lugar no eido literario. Jenaro Talens demostra os vínculos existentes entre a constitución do canon e as prácticas que conforman a historia literaria: a posición funcional das teorías sistémicas, considera a canonicidade como resultado dun proceso social e colectivo, e non como un trazo inherente ás obras literarias nalgún dos seus niveis. Neste sentido, normas e pautas colectivas condicionarían a valoración dos textos nunha situación histórica determinada, polo que admitir o canon como unha verdade universal que limita as fronteiras do que é boa e mala literatura, é un dos motivos que dan lugar aos numerosos debates existentes arredor deste termo. A introdución dunha obra determinada no canon fundaméntase no seu valor simbólico-artístico e non nun principio comercial.

Nos últimos anos téndese a criticar a noción de canon, ben polo esquecemento ao que se someten certas obras ou autores por causas non especificamente literarias; ou ben pola dificultade que xorde ao intentar coincidir na selección das figuras canonizadas.

Exemplificación

Polo xeral adoita vincularse o canon occidental coa universalidade, dun xeito que o canon establecido redúcese ao panorama occidental e relega a produción literaria de distinto fondo cultural. A polémica do canon occidental xorde no territorio norteamericano expandíndose posteriormente a Europa de man do crítico Harold Bloom, quen define como eixo central do canon á figura de Shakespeare. Neste sentido autores como Dante, Cervantes, Goethe, Eliot, Pessoa ou Tolstoy, definíronse a partir da devandita figura.

Voces relacionadas

canon occidental; literatura mundial; literatura nacional; mímesis; canon escultórico; estudo filolóxico; estudo literario.

Bibliografía

  • Auberbach, Erich. 1975. Mímesis: la representación de la realidad en la literatura occidental. México: Fondo de Cultura Económica.
  • Bloom, H., Culler,J., Gates, H.L, Gumbrecht, H.U., Harris, W.V., Kermode, F., Miner, j.C., Mignolo, W., Pozuelo, J., Robbinson, L. 1998. El canon literario. Madrid: Arco/libros, S.L.
  • Iglesias Santos, Montserrat. 1997. La Lógica del campo literario y el problema del canon. Valencia: Episteme.