Cómic

From Dictionary of World Literature
Jump to: navigation, search

por Belén Costa, Antía Casais, Irene Gómez

Cómic: secuencia de viñetas ou representacións gráficas que narran unha historia a través de imaxes e pode combinarse con texto, constituíndo un medio de comunicación e de expresión artística no seu conxunto.

Contents

Definición extensa

O termo de cómic (do ingl. “cómic strip”, tira cómica) ou historieta defínese como unha historia gráfica e verbal, que se apoia noutros signos visuais e convencionais que fan que o lector recoñeza con facilidade o tema representado. É polo tanto un medio non só de expresión artística, senón tamén de comunicación, unha mestura entre literatura, pintura, símbolos visuais e ata auditivos, todos eles convencionais, con fronteiras invisibles. Para denominar este tipo de arte úsanse diferentes nomes en distintos países. No caso de España tomamos un calco do que sería a palabra francesa, “bande dessinée”, banda deseñada, ou tebeo1 , en EE.UU cómic, en Portugal “cuadrinhos”, en Xapón manga (ou debuxo informal)... O cómic está considerado como a novena arte, aínda que cronoloxicamente exista antes que a sétima arte que é o cine ou a oitava, a fotografía.

Historia do concepto

Dende o principio dos tempos os seres humanos tivemos a necesidade de contar, expresar ou representar historias, hábitos, sentimentos... Aínda que o cómic propiamente dito teña só pouco máis de cen anos, leva con nós toda a historia da humanidade. Certo é que o momento no que o cómic tivo a súa máxima expresión foi a mediados do século pasado, pero en realidade atopamos precursores desta novena arte dende a antigüidade. A pesar de que os soportes varíen co paso do tempo, a vontade de expresar e contar historias é sempre o obxectivo principal. Vémolo por exemplo nas pinturas rupestres da época prehistórica representando escenas da vida cotiá ou procesos rituais; en Mesopotamia plasmando fazañas militares ou representacións das deidades en estelas ou selos cilíndricos; en Exipto, estes mesmos temas nunha linguaxe secuencial preséntanse nos xeroglíficos en muros e papiros; o mesmo acontece no mundo maia, ou nos códices precolombinos onde se recollían os procesos rituais desta sociedade. En Grecia tamén se ornamentaban as vasillas con escenas mitolóxicas ou os seus grandiosos e narrativos frisos épicos. Todas as culturas antigas tiñan xa esta forma de expresión artística.

Unha das narracións gráficas secuenciais máis representativas da época antiga é a Columna romana de Traxano, do século II d.C que representa a vitoria do exército do emperador sobre o pobo dacio. Outro caso é o Tapiz de Bayeux, do século XI, que conmemora a conquista de Ingaterra por parte dos normandos de Guillermo o Conquistador. Durante a época medieval tiveron gran importancia os manuscritos iluminados dos mosteiros e xa na Baixa Idade Media, en Alemaña e Países Baixos e Francia, comezan a florecer as chamadas “Biblias pauperum”, as biblias dos pobres, que tiveron unha gran popularidade. Eran Biblias onde se combinaban a imaxe e o texto que axudarían aos curas a instruír o pobo. A zona central estaba presidida por unha imaxe do Novo Testamento da vida de Cristo e esta, rodeada doutras escenas do Antigo Testamento, en relación coa imaxe central. Un texto en lingua oral acompañaba as imaxes en lingua vernácula. Nestas “Biblia Pauperum” podíase ver tamén representacións do “Vía Crucis”.

Máis alá da Idade Media cabe destacar acontecementos decisivos no mundo desta novena arte. No século XV Gutenberg, estableceu o verdadeiro xerme do cómic propiamente dito coa imprenta, que cambiou a historia da literatura mundial, da palabra escrita. Pero en realidade o que marca o inicio da historia moderna do cómic é a invención da litografía, no 1796 da man de Aloys Senefelder, que permitiu a reprodución masiva de debuxos. Rodolphe Töpffer comezou a elaborar os seus “garabatos” e experimentar o que coñecemos hoxe en día como cómic a comezos do século XIX. É considerado por moitos teóricos como o pai da historieta moderna.

Outra definición para o cómic tamén é a de arte secuencial, o uso de sucesión de imaxes para representar unha narración gráfica. O primeiro en usar este termo foi o debuxante estadounidense Will Eisner –máis tarde ampliado por Scott McCloud-, termo que se pode aplicar á Columna de Traxano ou ao Tapiz de Bayeux, xa que ambos teñen a vontade de contar unha historia con saltos temporais e espaciais de maneira gráfica.

Desenvolvementos

Aínda que non foi Johann Wolfgang Goethe quen acuñou o termo “literatura mundial” (Weltliterature), si foi o causante da súa expansión por toda Europa. En Gespräche mit Goethe (Conversacións con Goethe), Johann Peter Eckermann anota que en 1827 Goethe comentou que a literatura nacional comezaba a carecer de sentido e que estaba por chegar a época da literatura mundial. Este volvería a facer referencia á literatura mundial en diversas ocasións ao longo dos seguintes anos, practicamente ata a súa morte en 1832, mais, nunca chegou a definir con claridade a que se refería con devandita denominación; de feito, semella ter un marcado carácter polisémico, polo que foi interpretada de xeitos moi diversos ao longo dos séculos XIX e XX, sendo polo tanto motivo de gran controversia.

O que si podemos sinalar, é que esta inclúe todas aquelas obras que circulan máis alá da súa cultura de orixe, ben sexa en tradución ou nas súas linguas orixinais, tendo polo tanto unicamente unha vida efectiva como literatura mundial cando queira e onde queira que estea activamente presente dentro dun sistema literario máis alá do da súa cultura orixinal. Non é un canon infinito, senón máis ben un modo de circulación e de lectura, un modo que pode aplicarse tanto a obras individuais como a conxuntos de materiais, un modo que está dispoñible tanto para ler clásicos establecidos como novos descubrimentos. Nesta definición, e dentro do concepto de cómic poden encaixar as “Biblia pauperum”, desenvolvidas con forza a finais da Idade Media, que procuraban representar a Biblia visualmente, mais dun xeito diferente a unha simple ilustración da mesma, onde en lugar de que as imaxes estivesen subordinadas ao texto, teñen un breve texto ou non o teñen en absoluto. As voces dos personaxes nestas miniaturas móstranse escritas en rolos de pergamiños que semellan saír dos seus beizos. Trátase dunha simplificación das Biblias moralizantes, que se poden considerar similares, pero con máis texto.

Porén, para comprender como funciona a literatura mundial precisamos máis unha fenomenoloxía que unha ontoloxía da obra de arte: unha obra literaria maniféstase de formas distintas no estranxeiro de como o fai no país propio. Esta refracción é, ademais, de natureza dobre: as obras convértense en literatura mundial cando son recibidas no espazo dunha cultura estranxeira, un espazo que a tradición nacional da cultura hóspede e as necesidades actuais dos seus escritores poden definir de xeitos distintos. Incluso unha soa obra da literatura mundial é o emprazamento para unha negociación entre dúas culturas diferentes. É por isto que a “Biblia pauperum” é un bo modelo, pasando de ser impresa en latín e linguas vernáculas, a selo por Pfister en Bamberg en 1462 (primeira edición de tipos móbiles), en alemán (Armenbibel) en 1470, e en París no 1503 (Les Figures du Viel Testament et du Nouveau), chegando a haber ao redor de dezaoito edicións incunables.

Exemplificación

Dende que o ser humano tivo a capacidade de facelo, contou historias empregando imaxes. Como xa mencionamos, os exemplos máis representativos da antigüidade e Idade Media dunha narración gráfica secuencial son “A columna de Traxano” e o “Tapiz de Bayeux”. A primeira é un monumento conmemorativo da época romana durante o Imperio de Traxano. É unha gran columna duns 30 metros de altura percorrida helicoidalmente por un baixorrelevo duns 200 metros de longo, onde representa a vitoria do exército romano ante o pobo dacio (actual Romanía). Vense distintas escenas: as batallas, os movementos das tropas, os sacrificios, as negociacións etc., e o emperador aparece representado unhas 59 veces. As imaxes desta columna teñen un ritmo rápido, alternando escenas dramáticas con outras pacíficas.

O segundo exemplo que tamén encaixa perfectamente na definición de narración gráfica secuencial é o “Tapiz de Bayeux” un tapiz de liño feito entre o 1066 e o 1082. Guillermo O Conquistador, tiña un irmán chamado Odon de Bayeux que foi o que encargou esta peza para conmemorar a vitoria do exército normando na conquista de Inglaterra –batalla de Hastings, entre 1064 e 1066-. Ao igual que a columna de Traxano, tiña un carácter propagandístico pero tamén histórico: déixanos unha información moi concreta sobre a época no referido ás representacións dos cabaleiros, a súa indumentaria, os cabalos, as armas e os castelos... É necesario destacar que cada escena desta peza estaba acompañada dunha explicación en latín. Os sucesos da conquista seguen unha orde cronolóxica deliberada e existen unhas divisións nas escenas por temáticas. Hai varias hipóteses sobre quen pode ser o seu autor, incluso se chega a pensar que puido ser obra da propia raíña Matilde, a esposa de Guillermo.

Para enfatizar o carácter universal desta arte podemos destacar tamén os códices preoclombinos mixtecos, como o “Colombino-Becker” do século XII ou o “Nuttall” do XIV, de carácter pictográfico, no que se relatan feitos históricos. No Xapón do século XIII creáronse os “Chojugiga”, catro rolos de papel de seda que podían chegar a ter uns 25 metros de longo, que mostran animais antropomórficos protagonizando escenas satíricas. Na Europa medieval os manuscritos iluminados serán os precedentes máis directos do cómic actual, entre as que destacan as Cantigas de Santa María realizadas en galego-portugués no taller de Afonso X “O Sabio” a finais do S.XIII.

Voces relacionadas

adaptación; literatura mundial; literatura nacional; arte secuencial; clásicos; Weltliterature.

Bibliografía

  • Alighieri, Dante. (2011). La divina comedia. Ed. Herder. Barcelona.
  • Eckerman, J.P. (2005). Conversaciones con Goethe. Editorial El Acantilado.
  • Eisner, Will. (1998). La narración gráfica, título original Graphic Storytelling. Norma Editorial, edición en castellano.
  • Gerardo Vilches. (2014). Breve historia del cómic. Ediciones Nowtilus.
  • Homero. (2013). Ilíada y Odisea. Ed. Herder. Barcelona.
  • Masotta, Oscar. (1982). La historieta en el mundo moderno. Ed. Paidós Ibérica.
  • McCloud, Scott. (2001). La revolución de los cómics. Norma Editorial, edición en castellano. Colección Biblioteca Creativa nº6.
  • McCloud, Scott.(2011). Entender o Cómic. A arte invisible. Rinoceronte Editora. Vigo.